Miles de persoas forman unha cadea humana en defensa da sanidade pública

RIBEIRA> Obxectivo case cumprido. A Plataforma pola Sanidade Pública do Barbanza conseguiu implicar á cidadanía na cadea humana formada este sábado entre o centro de saúde de Ribeira e o hospital comarcal. Preto de 5000 persoas participaron nesta reivindicación que estivo a piques de completar o percorrido.

Ás catro e media da tarde comezou a formarse a gran cadea humana entre o centro de saúde ribeirense e o hospital do Barbanza. Miles de persoas sumáronse a esta protesta convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza para chamar a atención sobre o deterioro do sistema público con persoal insuficiente para garantir a calidade asistencial tanto en atención primaria como especializada.

Para organizar o percorrido de cinco quilómetros desenvolveuse un dispositivo de seguridade integrado por policía local, protección civil e numerosos voluntarios da plataforma que organizaron ós grupos por treitos para completar a distancia.

Nalgunhas zonas realizáronse cortes puntuais de tráfico no que os manifestantes aproveitaron para despregar pancartas e lanzar consignas como Ribeira quere médicos e Non ós recortes. A pesar destas retencións puntuais, o tráfico retomouse con fluidez na maior parte dos puntos sen ocasionar maiores incidencias.

Aínda que non se chegou a completar a totalidade do itinerario, quedouse moi preto polo que dende a plataforma danse por satisfeitos do resultado da protesta que rematou coa lectura simultánea dun manifesto en 60 puntos distintos do percorrido.