O PSOE deseña un proxecto para un Boiro mellor

BOIRO> O PSOE de Boiro presentou onte pola noite a súa candidatura no centro social da localidade. Ademais de dar a coñecer á totalidade dos integrantes da lista, o candidato José Ramón Romero aproveitou o acto para dar a coñecer algúns dos proxectos máis importantes do programa de goberno.

O salón de actos do centro social de Boiro quedouse pequeno para a presentación da candidatura do PSOE que estará encabezada polo empresario  José Ramón Romero. Un a un tódolos integrantes da lista foron desfilando ante a atenta mirada de tódolos presentes. Nesta nova etapa, o PSOE boirense apostou por unha total renovación, mantendo nos postos de saída a tan só a José Luís Ruíz de anteriores etapas que irá de número dous. No posto tres Marcos Fajardo e de catro María Outeiral. Todos eles falaron da ilusión que teñen no proxecto socialista e na necesidade de conseguir un Boiro mellor.

Os socialistas aproveitaron o acto para dar a coñecer tamén algunhas das que serán as liñas mestras do seu programa, baseadas nun eixo central, construír o Boiro do futuro. Entre as propostas máis destacadas figura a construción dunha cidade deportiva en Barraña, unha estación de autobuses na Boqueira de A Negral e a humanización da rúa Principal, para tratar de recuperar o protagonismo de antano.