VILAGARCÍA> O inicio das obras da Vía Verde do Salnés é inminente. Os alcaldes de Vilagarcía e Caldas anunciaron esta mañá que os traballos comezarán en dúas ou tres semanas co rozado da maleza da que será a primeira vía deste tipo de toda Galicia. Os rexedores socialistas lamentan, iso si, que a día de hoxe non conten co respaldo concreto da Xunta.
En dúas ou tres semanas está previsto que as máquinas comecen a traballar na Vía Verde do Salnés. Os primeiros traballos consistirán no rozado e limpeza da maleza para marcar o camiño.
Serán nove quilómetros para gozar da natureza e no patrimonio histórico, unindo os concellos de Vilagarcía, Caldas e Portas. O proxecto conta co respaldo da Deputación de Pontevedra, que achega 200.000 euros. Despois de varios cambios de postura, aínda está por concretar o da Xunta.
Os cambios introducidos polo goberno autonómico no convenio fixeron que os concellos non o asinaran. Por iso a día de hoxe non hai nada acordado.
Hoxe os socialistas Alberto Varela e Juan Manuel Rey criticaron a postura da Xunta e as xestións dos responsables da Consellería do Medio Rural. Así as cousas, agradeceron a actitude do rexedor de Portas e o seu compromiso coa Vía Verde. O popular Víctor Estévez non asistiu á rolda de hoxe porque, segundo explicaron Varela e Rey, o treito que transcorre polo seu concello non se ve afectado pola falta de axudas da Xunta de Galicia.