Cambados plasma as enfermidades raras nun mural para insistir na súa visibilización

CAMBADOS> En Cambados, este venres darase visibilidade ás enfermidades raras. Por iniciativa de GaliciAME e coa colaboración do concello organizarase un acto para conmemorar o Día Mundial das Enfermidades Raras. Ás 12 do mediodía pintarase un mural deseñado para a ocasión, co obxectivo de poñer o foco sobre estas patoloxías e achegalas á sociedade.

Este venres é 28 de febreiro, unha data na que se celebra o Día Mundial das Enfermidades Raras. E en Cambados GaliciAME e o concello encargaranse de que non pase de longo.

Na praza do concello instalarase este mural deseñado para a ocasión polo artista cambadés Moncho Pazos, que procura dar visibilidade a estas patoloxías.

No marco da actividade, a rapazada cambadesa axudará a Merchi a encher de cor este mural. Unha acción que parece sinxela pero que está cargada de simbolismo.

A iniciativa partiu de GaliciAME pero o colectivo atopou no concello toda a colaboración para facer de altofalante das reivindicacións dos pacientes que padecen estas enfermidades raras.

Considérase que unha enfermidade é rara cando a súa prevalencia é inferior a cinco casos por cada 10.000 persoas. Na actualidade hai ao redor de 7.000 destas patoloxías identificadas.