O BNG cualifica de ‘ano de retrocesos’ o primeiro de Ángel Moldes na alcaldía de Poio

POIO> Para o BNG de Poio o primeiro ano de goberno do PP de Ángel Moldes foi un ano de retrocesos. Así resumiu a voceira nacionalista, Marga Caldas, a súa valoración. Segundo Caldas, o executivo de Moldes non avanzou en ningún proxecto importante para o municipio.

Un ano de retrocesos. Así resumiu a voceira do BNG de Poio o primeiro ano do PP de Ángel Moldes na alcaldía do municipio.

Caldas pon como principal exemplo desta parálise o freo ao proxecto do novo centro de saúde. A nacionalista asegura que o anterior equipo de goberno deixou os terreos da Canteira de Graña marcados para a súa construción. Un ano despois, asegura que están convertidos nun vertedoiro.

A mellora da seguridade viaria na PO-308 ou o polígono de Fragamoreira son, segundo Caldas, outros dos proxectos da Xunta de Galicia que continúan bloqueados. Tamén criticou o abandono dos espazos públicos.

No eido da xestión económica, a voceira do BNG asegura que Moldes mentiu á veciñanza. Di que o PP non cumpriu a promesa de baixar os impostos e que aprobou novas operacións de crédito, a pesares de asegurar que a débeda do concello era demasiado avultada.

Marga Caldas criticou outros aspectos deste ano de goberno, como os salarios dos concelleiros do PP, a contratación dun novo asesor ou a non renovación do contrato caducado da xestión do lixo coa empresa Valoriza, cos traballadores a piques de comezar unha folga.