NOIA> O Partido Popular está a manter contactos cos diferentes partidos de cara a formación do novo goberno. Aínda así, todo apunta a reedición do pacto que os populares asinaron hai tres anos co NOIA, que os aupou á alcaldía trala moción de censura, xa que é a única alternativa que lle dá estabilidade ó goberno.
O PP como forza máis votada liderará o goberno local a partir do vindeiro 15 de maio. Aínda así falta por determinar como será ese futuro executivo, se ben reedita o pacto co NOIA, ou ben, goberna en minoría, despois da oferta que lle realizaron dende o Partido Socialista.
Aínda así os populares, de cara a conseguir unha maior estabilidade dese futuro goberno, están máis por acadar un acordo co NOIA e formar así un goberno de coalición, coma veu funcionando estes últimos tres anos dende a moción de censura.
As negociacións mantidas polos populares co Partido Socialista e co BNG, chegando mesmo a propoñerlle a posibilidade de ter responsabilidades no novo goberno, non caeron demasiado ben no NOIA, que volverá a por súas condicións para chegar ao acordo.