O rexistro da xornada laboral é xa unha realidade

PONTEVEDRA> O rexistro da xornada laboral é xa obrigatorio. Esta medida pretende rematar coa práctica de non pagar as horas extra e loitar así contra a precariedade laboral. A maioría dos comercios da cidade están aínda adaptándose a esta nova normativa.

Fichar no traballo é, dende este domingo, un feito obrigatorio. O rexistro da xornada laboral pretende rematar coa práctica, tan habitual nalgúns sectores, de non pagar as horas extra dos traballadores. Unha medida que, de momento, está a provocar moitas dúbidas e confusión entre os empresarios da cidade.

O sector da hostalería é onde máis horas extras se realizan. Por iso, aquí é onde máis pode chegar a afectar a entrada en vigor desta normativa.

O método para fichar non está definido, pero a maioría dos negocios da cidade están optando polo sistema máis tradicional e económico, con papel e bolígrafo.

Para a maioría dos traballadores fichar no traballo é unha práctica nova, aínda que para outros, forma parte xa da súa rutina.

De momento os inspectores serán flexibles e deixarán un tempo de adaptación. Iso si, os traballadores e empresarios deben estar ben atentos porque de non cumprirse a normativa, as multas poden superar os 6.000 euros.