GROVE> Preocupación no Grove pola vaga de roubos que están a sufrir na vila. Varios negocios de hostalaría e vivendas sufriron nos últimos días a visita dos ladróns. Mesmo algunha persoa pola rúa sufriu algún ataque. Os comerciantes reclaman máis vixilancia policial, en especial pola noite. O concello acaba de activar o que denominou Plan de Acción Inmediato, coa convocatoria da Xunta Local de Seguridade e a petición de reforzos da Garda Civil.
A vaga de roubos que está a sufrir O Grove deixa imaxes como estas. É a gravación que captaron as cámaras de seduridade da Taberna de Beli, na Avenida de Beiramar. O ladrón entrou por unha fiestra, rebentando un dos barrotes. Coa cara tapada, revisa a caixa e acaba conseguindo como botín o bote das propinas, que tiña entre 100 e 200 euros.
O asalto a este local tivo lugar na madrugada do domingo ao luns, na mesma noite na que entraron noutros dous restaurantes e nunha tenda de golosinas.
E na madrugada do luns para o martes entraban nestoutro local, Pan de Millo, a través desta fiestra, serrando cunha rebarbadora un dos barrotes.
Na vila, os veciños din estar preocupados. Reclaman máis presenza policial.
Tamén están preocupados en Emgrobes ante a cantidade de roubos que se están a rexistrar.
Piden tamén un reforzo da vixilancia porque, din, dende hai anos nótase a falta de axentes da Policía Local e unha menor presenza da Garda Civil. Consideran que é fundamental que se aumente a vixilancia nocturna para disuadir aos ladróns ou impedir novos roubos.
Dende o colectivo de comerciantes xa mandaron un escrito ao concello e outro á subdelegación do goberno en Pontevedra.
O concello xa reaccionou activando o denominado Plan de Acción Inmediato para facerlle fronte a esta situación. Ademais de convocar de forma urxente a Xunta Local de Seguridade, o goberno local solicitou á Delegación do Goberno que se reforce a presenza da Garda Civil no Grove, priorizando o municipio na planificación de patrullas. Ao mesmo tempo tentarase reforzar o corpo da Policía Local, nestes momentos baixo mínimos con ata seis ausencias. Para iso vanse valorar posibles contratacións temporais e a convocatoria de novas prazas. Por último, explican dende o concello, tamén se está a estudar a implantación de sistemas de videovixilancia en determinadas zonas, un asunto ‘delicado e sensible dende o punto de vista xurídico’, din, que xa están a consultar.










