Emisión en directo: especial informativo #Contrastes26M

    1:10 horas – Carmela Silva poderá seguir sendo Presidenta da Deputación de Pontevedra outros catro anos

    A falta de facer oficiais os resultados, o PSdeG-PSOE vén de converterse na principal forza na corporación da Deputación de Pontevedra, pasando dos 10 deputados de 2015 a 13. O PP convértese en segunda forza, baixando dos 12 aos 11, e o BNG perdería outro deputado ata chegar aos 3. Se acada o respaldo do seu partido, Carmela Silva poderá seguir sendo Presidenta provincial outros cadro anos.

    0:55 horas – Lores denuncia unha ofensiva na recta final da campaña

    O candidato do BNG en Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, afronta a perda de apoios, cun edil menos, e recoñece que “saíron as contas moi mal”. O nacionalista tamén denunciou unha “ofensiva” nos últimos días da campaña por parte do Partido Popular e de Ence.

    0:51 horas – O PSdeG-PSOE celebra os seus resultados con champán

    Euforia na sede do PSdeG-PSOE de Meis, que malia non ser a forza máis votada podería gobernar en coalición co BNG con maioría absoluta ou en solitario co seu respaldo na investidura.

    0:04 horas – Primeiras reaccións de Tino Fernández, candidato do PSdeG-PSOE en Pontevedra

    23:53 horas – Avanzan os concellos co 100% escrutado

    Maiorías absolutas entre os concellos que xa remataron o reconto: para o PSdeG-PSOE en Ponte Caldelas e A Illa de Arousa, para o BNG en Barro e para o PP en Portas e Valga. Escápaselle a maioría absoluta ao PP en Poio, pero consegue ser a forza máis votada por enriba do BNG de Sobral. O mesmo en Meis e en Meaño, onde os populares perden un e as súas sendas absolutas. En Pontecesures o panorama está moi fragmentado, pero gaña o PP con 4 edís.

    23:22 horas – Datos máis actualizados na nosa conta de Twitter

    Para unha información máis actualizada, podes visitar o Twitter de Canal Rías Baixas, onde estamos compartindo algunha das primeiras reaccións como a de Compromiso por Outes.

    22:54 horas – Cerdedo-Cotobade e Outes: 100% escrutado

    Co 100% escrutado xa coñecemos o destino de Cerdedo-Cotobade (PP 9 edís, PSdeG-PSOE 3 e BNG 1) e de Outes (Compromiso por Outes 5, PP 5, BNG 2 e PSdeG-PSOE 1).

    22:43 horas – Maiorías absolutas en Vilagarcía e Sanxenxo… pero a Lores escápaselle

    Alberto Varela gobernaría en Vilagarcía co PSdeG-PSOE con 11 edís, suficientes para ter unha maioría absoluta (63% escrutado). En Sanxenxo, Telmo Martín tamén podería gobernar sen necesidade de apoios, obtendo 10 edís, un máis do necesario, para o PP. Pola contra, o BNG de Lores non acada a prezada maioría absoluta e quédase cos mesmos 12 que obtivo nos pasados comicios. Rafa Domínguez dá a sorpresa e obtén 9 para o PP fronte aos 4 do PSdeG-PSOE. Marea Pontevedra e Ciudadanos quedarían sen representación. En Ribeira o PP seguiría con 9 edís, dous menos dos necesarios para a maioría absoluta.

    22:34 horas – Que opina a rapazada da política local?

    A quen votarían as e os adolescentes da cidade de Pontevedra? Son máis de esquerdas ou de dereitas? Cóntanolo o noso reporteiro Alfredo Fernández.

    21:46 horas – Así se fai o #Contrastes26M

    Compartimos un pequeno vídeo de como estamos a vivir este especial informativo #Contrastes26M detrás das cámaras. O noso recoñecemento ao equipo de edición e realización, que traballan arreo para que todo saia estupendamente. E grazas a todas as persoas que nos estades vendo!!

    21:20 horas – Tamén estamos pendentes dos resultados ás europeas

    Ampliamos información sobre o funcionamento das eleccións europeas, así como dos principais nomes galegos entre as candidaturas estatais.

    21:09 horas – María Ramallo aspira a revalidar a súa maioría

    A actual alcaldesa de Marín, María Ramallo, sinala que o seu obxectivo principal nestas eleccións é manter a maioría absoluta. “Tratamos de estar con moitísima xente, as campañas serven para convivir”. O resto de partidos tamén se amosan optimistas en canto aos resultados que obterán esta noite.

    21:00 horas – A comarca da Barbanza xógase a alcaldía de Ribeira

    Analizamos a situación na Barbanza, onde a fragmentación podería xogarlle unha mala pasada a Manuel Ruiz, alcalde polo PPdeG.

    20:50 horas – Reconto das eleccións europeas

    No Auditorio de Vilagarcía comezaron así o reconto das papeletas das eleccións europeas.

    20:46 horas – As primeiras enquisas a pé de urna danlle a Lores a maioría absoluta

    Unha enquisa a pé de urna elaborada para os medios públicos galegos confirman a maioría absoluta do candidato do BNG en Pontevedra. Sería a primeira de Miguel Anxo Fernández Lores, que é alcalde de Pontevedra desde 1999.

    20:20 horas – Comeza o especial informativo de Canal Rías Baixas

    Benvidos ao especial informativo #Contrastes26M. Repasaremos os resultados das eleccións municipais nas comarcas da Barbanza, Caldas, Muros-Noia, Pontevedra, O Salnés e O Sar. Contamos cun amplo equipo espallado polos principais puntos de interese desta noite. Temos voces expertas en plató para repasar a actualidade e conectaremos en directo cos candidatos para ofrecer en directo as primeiras reaccións. Tamén prestaremos atención aos resultados das eleccións europeas e os das sete principais cidades galegas.