O BNG e o PSOE aseguran que “hai base suficiente” para chegar a un acordo

PONTEVEDRA> O posible pacto de goberno entre o BNG e o PSOE está máis enriba da mesa ca nunca. Tras a primeira reunión que mantiveron esta mañá os dous grupos municipais, tanto Miguel Anxo Fernández Lores como Tino Fernández aseguraron que hai “base suficiente” para chegar a un bipartito. Algo que podería confirmarse, incluso, antes do día da investidura.

Esta é a conclusión da primeira reunión de contacto que mantiveron esta mañá os equipos municipais do BNG e do PSOE. Unhas negociacións que abren por completo a porta a un pacto de goberno entre ambas formacións.

Lores quixo deixar claro que ata o día da investidura as dúas agrupacións municipais manterán un contacto permanente para chegar a un acordo, e asegurou que se é posible, pecharán as negociacións o antes posible.

O líder socialista tamén puntualizou que, á marxe das negociacións co BNG, o seu partido non deixará que haxa un goberno do Partido Popular.

Con estas declaracións, os líderes de ambos partidos poñen de manifesto a boa relación e o achegamento que se produciu entre ambas as dúas agrupacións. Iso si, tanto Lores como Tino aseguraron que o futuro da Deputación de Pontevedra non influirá nas negociacións do goberno municipal.