BOIRO> A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou esta mañá na ría de Arousa as instalacións da empresa Venerupisgal, no polígono de bateas A Pobra do Caramiñal B.
A firma, que conta con dúas bateas e unha plataforma experimental no polígono da Pobra do Caramiñal B para o preengorde de moluscos, foi unha das beneficiarias da liña de axudas concedidas pola Xunta para impulsar a produción do sector para as que se destinan un investimento total de algo máis de 4,7 millóns de euros.
A firma recibiu dende 2009 máis de 160 mil euros de axuda da Xunta en distintas convocatorias que lle permitiron mellorar as súas instalacións e equipamentos.
Durante a visita a titular de Mar referiuse tamén as axudas que a Xunta vén de aprobar destinadas ó sector acuícola prexudicado por mor da covid das que poderán beneficiarse aquelas empresas que acrediten perdas de ata o 50 % durante o 2020 por culpa da pandemia.