Ribadumia repite alcaldía e Meis e Meaño poden cambiar de goberno

SALNÉS> Nos concellos do interior do Salnés, agás en Ribadumia, todo indica que haberá cambios de goberno. O rexedor que ten asegurado o seu mandato outros catro anos é David Castro. O líder de Independientes por Ribadumia, trala maioría absoluta, asegura que dobrarán esforzos para traballar para o pobo. Independientes por Ribadumia conseguiu 8 concelleiros, 3 máis que nas pasadas eleccións. É a mesma cifra que baixou o PP, que pasou de 6 a 3 concelleiros. O líder dos populares agradeceu o traballo da súa formación pero admite que o resultado foi “un pau”.

En Meis é posible que o goberno municipal vire cara aos partidos da esquerda. O resultado electoral estivo marcado pola perda de dous concelleiros debido á baixada da poboación, ao ter menos de 5.000 habitantes. Socialistas e nacionalistas repetiron con 5 e 1 concelleiro, respectivamente, e o PP descende de 7 a 5. Marta Giráldez celebraba onte a súa posible alcaldía. Mentres tanto, o PP lamenta que non vaia gobernar a lista máis votada e que o fagan partidos que tiveron unha “oposición destrutiva”.

Incerteza en Meaño. Os populares volven ser os máis votados conseguindo 6 concelleiros, pero unha alianza entre Meaño Independiente (que obtivo 5) e PSOE (con 2) arrebataríalle a alcaldía aos populares.