PORTO DO SON> A edil, que era ademais responsable de área de Benestar Social e Igualdade da Deputación da Coruña, falecía onte domingo como consecuencia dunha grave enfermidade que lle fora diagnosticada hai poucas semanas.
Foi unha das súas últimas comparecencias públicas ante os medios. Durante a pasada campaña das municipais, na que participou activamente, como o viñera facendo dende hai dezaseis anos, dende a súa irrupción na política. Só ela e o seu círculo máis próximo sabía da enfermidade que lle acababan de diagnosticar, razón polo que a nova do seu falecemento causou aínda máis pesar. Muller de forte carácter e de conviccións, chegou a ocupar a tenencia de alcaldía durante dous anos, do 2009 ó 2011, tempo no que socialistas e nacionalistas compartiron goberno no Son baixo a alcaldía de Xoán Pastor Rodríguez, trala moción de censura a Manuel Tomé. Na actualidade era a responsable de área de Benestar Social e Igualdade da Deputación da Coruña, e acaba de revalidar a súa acta de concelleira, coma número dous nas listas do BNG sonense, tras Balbino González.
A nova da súa morte caeu tamén con gran tristura entre a veciñanza.
Nada máis ter coñecemento do seu falecemento a corporación sonense celebrou tamén un pleno extraordinario, no que se decretaron tres días de loito oficial e bandeiras a media hasta.
Tamén foron numerosas as reaccións, especialmente dos seus compañeiros do BNG de Porto do Son e da comarca, así como tamén da Deputación da Coruña, institución que a través dun comunicado, lamentou o triste suceso.
Durante todo o día foron numerosas as mostras de cariño cara ela e a súa familia, sendo moitas as persoas que se achegaron ata o tanatorio de Xarás, en Ribeira, onde foi velada durante toda a xornada de hoxe, ata a hora do seu funeral que tiña lugar na igrexa parroquial de Santa María de Caamaño, de onde era natural.