CAMBADOS> Oito días despois da xornada electoral do 26 de marzo, Cambados é outra das vilas que centra o foco de atención. O Partido Socialista pide calma aos seus posibles socios de goberno para entablar negociacións, coa vista posta na resolución do recurso presentado polo Partido Popular no que reclama 13 votos nulos. Somos Cambados, pola súa banda, demanda pechar un pacto de goberno antes da investidura.
En Cambados, as diferenzas nos prazos á hora de abordar as negociacións para formar goberno poderían poñer en perigo o futuro executivo progresista encabezado pola candidata socialista Fátima Abal. Dende Somos reclaman que o pacto chegue antes da investidura.
Para Fátima Abal, dúas premisas frean estas conversas: por unha banda, coñecer a decisión do BNG de se entrar ou non a formar parte do goberno; pola outra, a resolución da reclamación do Partido Popular de 13 votos nulos que poderían mudar o escenario político. Os nacionalistas xa se pronunciaron a favor, pero aínda queda o segundo interrogante.
Este argumento non é válido para a formación de Tino Cordal. Ven imposible que o PP consiga a aceptación dos cinco votos que precisaría para optar á alcaldía, contando co apoio do edil de Cambados Pode. Por iso, Somos esixe ao PSOE un pacto antes do pleno de investidura.
Pola súa banda, Abal insiste en que negociar antes de coñecer a decisión sobre a reclamación popular sería facer “castelos no aire”.