O xuízo polo crime de Diana Quer iniciarase o 29 de outubro

BARBANZA> Xa hai data. José Enrique Abuín, ‘O Chicle’ comparecerá na Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, o vindeiro 29 de outubro. Farao coma único sospeitoso polo crime de Diana Quer. Será xulgado polos presuntos delitos de asasinato, agresión sexual e detención ilegal.

Finalmente o xuízo ó Chicle, único acusado pola morte de Diana Quer, iniciarase o 29 de outubro. A data foi decretada pola Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, a mesma na que se produciu tamén o xuízo contra el polo intento de rapto dunha moza de Boiro en abril pasado. Abuín, que será xulgado por un xurado popular, deberá responder polos delitos de asasinato, agresión sexual e detención ilegal.

No auto feito público polo Tribunal de Xustiza de Galicia, establécese coma feitos xudiciables, sobre os que deberá versar o xuízo oral, que o acusado presuntamente abordou á vítima durante a madrugada do 22 de agosto de 2016 cando esta se dirixía de volta á súa casa polo Paseo do Areal, na Pobra, introducíndoa á forza no maleteiro do seu coche, onde a suxeitou cunhas bridas e a amordazou Das dilixencias practicadas tamén se desprende que o sospeitoso tirou o móbil da moza cando cruzaba a ponte sobre a ría á altura de Taragoña.

No auto tamén se revela que foi na nave abandonada de Asados onde o Chicle tivo supostamente atada, sometida e aterrorizada a Diana, e onde finalmente a violou. Para ocultar os feitos, esganouna e tirou o seu corpo a un pozo. Lugar ó que volveu, pasados uns días para lastralo e impedir deste xeto que viñera a superficie. O alto tribunal provincial tamén establece coma feito xustificable que o acusado recoñecese pola súa propia vontade, unha vez detido, ter matado á vítima, un feito indispensable para poder recuperar o corpo de Diana. A Fiscalía pide para o Chicle prisión permanente revisable polo delito de asasinato,  vinte anos de prisión e inhabilitación absoluta polo delito de detención ilegal, e doce polo de agresión sexual, ademais de reclamarlle unha indemnización para a familia Quer de preto dos 300 mil euros.