Zona Aberta prepara 150 quilos de sardiña para San Xoán

VILAGARCÍA> A Asociación Zona Aberta de Vilagarcía organizará unha sardiñada popular a noite de San Xoán. Os comerciantes sortearán unha cesta con produtos típicos galegos, valorada en 200 euros, entre os seus clientes. A agrupación ten preparados 150 quilos de sardiñas e pan.

A Asociación Zona Aberta de Vilagarcía presentou a súa nova campaña con motivo do Día de San Xoán. A agrupación de comerciantes organizará unha sardiñada popular, para a que ten preparados 150 quilos de sardiñas, na praia da Compostela.

Este ano a asociación fará un sorteo entre os clientes que fagan as compras nos comercios asociados. Os negocios repartirán unha papeleta con cada compra e o sorteo terá lugar a noite de San Xoán. O gañador recibirá unha cesta con produtos típicos galegos.

A presidenta móstrase moi optimista cunha campaña que, segundo asegura, sempre ten unha gran acollida.

Para optar ao premio os clientes deberán levar a papeleta á praia o domingo á noite. O gañador pode recoller o agasallo despois do sorteo ou recollelo os días seguintes na sede de Zona Aberta.