Pasan a disposición xudicial os detidos na operación que desartellou a rede de narcolanchas

CAMBADOS> Xornada de declaracións nos xulgados de Cambados dos detidos no marco da operación que desartellou unha rede de fabricación de narcolanchas. Hoxe desfilaron perante a xuíza boa parte dos arrestados nos últimos días. Todos eles están acusados dos delitos de contrabando, contra a saúde pública e pertenza a grupo criminal. Polo momento, a operación sáldase con 18 persoas detidas -dúas nas últimas horas- e a incautación dunha vintena de narcolanchas.

Xornada maratoniana nos xulgados de Cambados co desfile da meirande parte dos detidos na última operación antidroga na comarca do Salnés. Por aquí pasaron ao longo de hoxe 16 persoas que, presuntamente, formarían parte desa rede de fabricación de narcolanchas.

A maioría deles, como están a ver, foron postos a disposición da xuíza pola mañá. En concreto, 10. Os outros 6 fixeron o propio pola tarde. O seu pase a disposición xudicial prodúcese tan só horas despois de que se producisen dúas novas detencións este pasado mércores. Todos eles están acusados dos delitos de contrabando, contra a saúde pública e pertenza a grupo criminal.

Segundo transcendeu a última hora desta tarde, a xuíza decretou prisión provisional, comunicada e sen fianza para cinco dos detidos. Para outros tres, decretouse prisión provisional eludible baixo fianza de 20.000, 10.000 e 8.000 euros. Os oito restantes quedaron en liberdade.

Ademais, a operación sáldase polo momento coa incautación de 18 narcolanches, entre a provincia de Pontevedra e Portugal, e cartos en metálico que roldan os 80.000 euros. Tamén foron requisados moldes para a fabricación das embarcacións e vehículos que poderían ser usados para o seu transporte. Ademais, producíronse ata 14 rexistros en municipios da nosa contorna, como Vilanova, Vilagarcía, O Grove, A Illa, Caldas ou Barro; así como en Portugal. No acontecido na nave do polígono de Tremoedo, en Vilanova, os axentes deron cun zulo subterráneo que, podría ser empregado para facer probas coas lanchas ou ocultalas.

O líder desta organización, por certo, xa foi enviado a prisión. Trátase do meco Francisco Javier Otero Magdalena, con antecedentes por narcotráfico. Foi detido o sábado e permaneceu incomunicado ata o martes. Nesa xornada pasou a disposición xudicial tamén no xulgado de instrucción número tres de Cambados, que decretou para el prisión provisional, comunicada e sen fianza.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí