Portos investiu no que vai de ano uns 670 mil euros no mantemento dos peiraos da provincia

BARBANZA> Unha das actuacións máis significativas realizouse na Pobra do Caramiñal coa mellora dos  sistemas de protección do peirao comercial e as reparacións no pantalán de artes menores por un importe total duns 75 mil euros.

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, destinou no que vai de ano máis de 670 mil euros a tarefas de conservación e mantemento de instalacións portuarias nos peiraos da Zona Norte, na provincia da Coruña, entre Ares e Rianxo. Unhas cifras de gasto en conservación e mantemento que se sitúan moi por enriba das acadadas no mesmo período durante o pasado exercicio.

O gasto na provincia coruñesa é tamén superior ó das outras dúas provincias costeiras, principalmente porque a da Coruña é a provincia que aglutina un maior número de instalacións, ao dispor de 70 das 122 de titularidade autonómica .

Unha das actuacións máis significativas levadas a cabo durante o que vai de ano producíase na Pobra do Caramiñal, realizándose obras por importe de máis de 75 mil euros. Entre elas destacan as melloras na protección do peirao comercial, acollido ao código internacional de seguridade PBIP, as reparacións no pantalán de artes menores ou as melloras das arquetas.