As mariscadoras, Costas e o Concello de Vilagarcía coordinaranse para recuperar a area da praia de Vilaxoán

VILAGARCÍA> A praia de Vilaxoán estará en perfectas condicións este verán. O concello de Vilagarcía, Costas e as mariscadoras programaron os traballos para recuperar a area desprazada. As traballadoras trasladarán o marisco a outra zona e a continuación Costas rexenerará o areal.

A praia do Preguntoiro de Vilaxoán presenta un estado moi deficiente. As correntes es as choivas do inverno deixaron á vista tubaxes e pedras. Tras inspeccionar o areal, os técnicos de Costas determinaron que a area non se perdera senón que se desprazara cara a lámina que queda somerxida coa preamar. Como solución, propuxeron devolvelos áridos de novo á zona seca da praia. Para levar esta actuación a cabo, ao tratarse dunha zona de explotación de marisco, é necesaria a coordinación entre Costas, as mariscadoras e o concello de Vilagarcía.

As mariscadoras xa están a traballar para trasladar o marisco da praia do Preguntoiro a outro areal da súa zona de explotación.

Dende o Concello aseguran que con estas actuacións a praia volverá a ter un bo estado e que estudarán a maneira de arranxar as problemáticas do areal para os vindeiros anos.

Unha vez as mariscadores retiren o marisco procederase a mover a area. Segundo Lino Mouriño as actuacións estaría rematadas nun máximo de 3 días.