Sete detidos nunha operación contra o tráfico de drogas con epicentro en Vilanova

VILANOVA> Novo golpe ao narcotráfico na comarca do Salnés. Sete detidos e ao redor dun quilo de cocaína incautado é o balance inicial que deixa o operativo desenvolvido esta madrugada na zona de Vilanova de Arousa pola Garda Civil e a Policía Nacional. Tamén foi localizada unha lancha nunha praia da zona de Rego do Alcalde. A operación está baixo secreto de sumario.

A Garda Civil e a Policía Nacional desenvolveron esta madrugada unha nova operación contra o tráfico de drogas na comarca do Salnés. Desta volta, o operativo tivo como epicentro o concello de Vilanova de Arousa e, segundo fontes próximas á investigación, permitiu o decomiso de preto dunha tonelada de cocaína.

Os detidos son todos de orixe balcánica. Tamén foi localizada unha narcolancha, unha embarcación rápida, nunha praia da zona de Rego do Alcalde, na parroquia de San Miguel de Deiro. Nesta área apareceran na noite de Noiteboa un tractor e unha lancha semirríxida con tres motores.

A investigación está a ser dirixida polo Xulgado de Instrución número 3 de Vilagarcía de Arousa.