VILAGARCÍA> O Concello de Vilagarcía entregou os premios á igualdade nas escolas. Os centros premiados foron os colexios de Vilaxoán e de Rubiáns e a escola infantil Bonecos. Con este traballo búscase inculcar os valores da igualdade aos máis mozos e rematar cos comportamentos machistas.
O Centro de información á Muller do concello de Vilagarcía convoca cada ano os premios de igualdade de xénero “boas prácticas na escola”. Con este certame o que se busca é que tódolos colexios fagan un traballo conxunto que visualice a loita pola igualdade e rexeite os comportamentos machistas.
Á hora de elixir os gañadores o que se valorou foi a implicación da comunidade educativa, a realización de actividades novidosas pero sobre todo a repercusión fora das aulas como nos fogares dos escolares e no propio claustro de profesores.
Dos 7 centros que se presentaron os gañadores foron a escola infantil Bonecos e os colexios de Vilaxoán e de Rubiáns. A concelleira destaca a importancia da implicación do alumnado.
Os centros gañadores recibiron un cheque valorado en 500 euros.