Ana Belén, Tequila, Fredi Leis, Beret e Lola Índigo subiranse ao escenario das Festas da Peregrina

PONTEVEDRA> Estamos a piques de comezar o verán. E cada ano, coa entrada desta estación chega a programación das festas de Pontevedra. Ana Belén, Tequila, Iván Ferreiro ou Lola Índigo son algúns dos artistas que se subirán ao escenario das Peregrinas. Unha oferta musical variada e de calidade e, sobre todo, pensada para todos os públicos.

Collede papel e bolígrafo porque este ano as Festas de Verán de Pontevedra veñen máis fortes ca nunca. Dende esta fin de semana, co Surfing The Lérez, ata o sábado 7 de setembro, coa Feira Franca, a cidade ten por diante tres meses intensos con actividades para todos os gustos.

Comezamos coas festas máis populares, as da Peregrina. Polo escenario da Praza de España de Pontevedra pasarán artistas de fama nacional e internacional como Ana Belén, Tequila, Rozalén, Fredi Leis, Iván Ferreiro, Beret ou Lola Índigo. 13 concertos que demostran a aposta do Concello pola calidade e variedade musical.

Pero arredor das festas da Peregrina, hai unha programación amplísima. Dende a Música de Bandas, pasando pola romería de San Bieito de Lérez, polo Festival Internacional de Jazz e Blues, o Festixeve, ou o Son da Serea. Iso soamente en xullo, porque en agosto a diversión continuará co Cinema na Lúa, Aquí Cántase, a Festa do Demo ou o Ponte Coqueta.

E para rematar por todo o alto, como cada ano, milleiros de persoas reuniranse na cidade para desfrutar, na primeira fin de semana de setembro, da Feira Franca. Unha cita que este ano traerá grandes novidades relacionadas coas actividades no río Lérez.

Outra das sorpresas deste ano é o pregoeiro. Manuel Jabois será o encargado de poñer o pistoletazo de saída a estas populares festas. O programa completo de todas as citas do verán de Pontevedra estará dispoñible a partires do vindeiro luns.