O Asorey de Cambados será o primeiro instituto do Salnés en impartir unha FP Dual

CAMBADOS> O Instituto Asorey de Cambados porá en marcha o vindeiro curso a FP Dual en sistemas de telecomunicacións e informáticos. O centro cambadés será o primeiro da comarca en impartir esta modalidade. Máis tempo de prácticas e unha remuneración son as novidades deste sistema.

O instituto Asorey de Cambados adáptase as novas demandas do mercado laboral e será o primeiro centro da comarca en impartir unha FP Dual. Con este novo sistema modifícase o segundo curso da FP superior de sistemas de telecomunicacións e informáticos.

A implantación da FP Dual non elimina o modelo actual. O alumnado deste ciclo superior do Asorey ao chegar ao segundo curso poderá escoller o sistema que prefira.

Dende o Asorey decidiron implantar esta nova modalidade ante a demanda das empresas buscando aumentar as posibilidades de contratación do alumnado.

O centro colabora con preto de 20 empresas para dar saída aos novos técnicos. A inserción laboral do centro ronda o 100% e os traballos máis demandados son na instalación de fibra.