Mar convoca axudas para actividades sustentables por máis de 11 millóns

BARBANZA> A Xunta de Galicia destina once millóns e medio de euros para promover a actividade sustentable no sector da pesca e da acuicultura. Poderán beneficiarse destas achegas tanto as confrarías como os mexilloeiros e acuicultores, que realicen investimentos produtivos, de eficiencia enerxética ou de servizos de asesoramento.

A convocatoria de axudas que vén de publicarse no DOG establece unha liña de once millóns e medio, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, dos que poderán beneficiarse confrarías, bateeiros e acuicultores galegos. Van destinadas ó fomento de actividades sustentables polo que se poderán dedicar a investimentos produtivos, de eficiencia enerxética ou servizos de asesoramento no ámbito da acuicultura.

As axudas subvencionarán ata o 50 por cento das inversións que realicen as pemes, con menos de 250 empregados e cun volume de negocio anual que non supere o millón de euros, e ata un 30 por cento dos proxectos das grandes empresas.

Dividiranse en tres liñas: a primeira dotada con once millóns para investimentos produtivos como a modernización das instalacións, a diversificación da produción ou a mellora da calidade dos produtos. A segunda, dotada con 400 mi euros, enfócase cara o incremento da eficiencia enerxética e o uso de fontes renovables. A terceira, con 160 mil euros, destínase a servizos de asesoramento de carácter técnico, científico, xurídico, ambiental ou económico para mellorar a competitividade das explotacións acuícolas.

Paralelamente, a Consellería do Mar publicou tamén outra orde de axudas á innovación destinadas a proxectos desenvolvidos por entidade produtivas en colaboración con organismos científicos ou técnicos así como coas universidades. Está dotada con 1’7 millóns de euros .

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí