VILANOVA> As Sonatas de Verán traen a Vilanova a Roi Casal, á Panorama ou a De Vacas. Ademais, nesta trixésima edición do evento cultural, o talento local terá un especial protagonismo: o 80% das actuación correrán a cargo de artistas do concello.
Vilanova pon en marcha as súas sonatas de verán. Durante os meses de xullo e agosto, pero tamén na primeira quincena de setembro, a localidade será un fervedoiro de eventos culturais e de lecer.
Este ano, coincidindo co trixésimo aniversario das Sonatas, o Concello quixo darlle un especial protagonismo ó talento local.
Con todo, os pratos fortes das Sonatas virán da man de Roi Casal, a Panorama ou De Vacas. Tamén se repite a experiencia do Mundo a Dançar. Dende o Concello explican que esta programación cultural, que inclúe máis dunha trintena de propostas, pretende tamén ser un atractivo máis para os visitantes que se achengan á vila nestes meses de verán.
Ademais, o Concello asume tamén este ano a organización das Festas do Carme. Será no marco deses festexos cando se achegue ata Vilanova o monologuista Fede Pérez, encargado este ano de da-lo pregón.
Os eventos culturais repartiranse por distintos puntos do municipio, incluíndo nesta edición a recentemente rehabilitada Igrexa da Pastoriza e o novo Anfiteatro do Terrón.