O PSOE arranca campaña centrado na sanidade: “O PP quere falar de Madrid, nós dos problemas de Galicia”

VILAGARCÍA> O PSOE centra o primeiro día da campaña electoral na crise da sanidade. Dende o centro de saúde de San Roque, en Vilagarcía, os socialistas comprométense a rescata-la atención primaria, danada -din- polas políticas do PP. Din que dende o 2020 Feijóo e Rueda recortaron 900 profesionais da atención primaria. Unha nefasta xestión, aseguran, que sufriron os veciños da comarca do Salnés nos últimos catro anos.

A sanidade será un dos eixos da campaña do PSdeG nesta campaña. Os socialistas elixiron o ambulatorio vilagarcián de San Roque para denuncia-los recortes que, segundo explican, sufriu a sanidade pública nos últimos anos. Acusan a Feijóo e Rueda de recortar ata 900 profesionais da atención primaria e reivindican melloras urxentes.

Din que eses recortes na sanidade pública foron evidentes na comarca do Salnés nestes últimos anos. Por exemplo na Illa, onde levan anos sufrindo falta de persoal.

Dende Meis, a súa alcaldesa lembra que o seu foi un dos concellos que máis se viu afectado nos últimos anos por falta de persoal sanitario. Por iso animá á veciñanza a mobilizarse e participar este domingo na manifestación en defensa da sanidade, que se celebrará en Santiago.

Un chamamento a participar nesa mobilización á que se suma tamén o alcalde de Vilagarcía. Alberto Varela, ademais, lembra que esta campaña vai dos problemas de Galicia e da súa xente, por moito que intente o PP desvia-la atención a outros asuntos.

E aproveita o socialista para cargar contra o PP vilagarcián que no Pleno de onte rexeitou unha moción demandando unha ambulancia medicalizada que, por poboación, lle corresponde. Lamenta Varela que os populares votasen en contra, antempoñendo -engade- os intereses do PP aos da cidade.