O PSOE e o BNG gobernarán en coalición na Deputación de Pontevedra

PONTEVEDRA> O PSOE e o BNG seguirán cogobernando a Deputación de Pontevedra durante os vindeiros 4 anos. Os socialistas e os nacionalistas asinaron esta mañá un acordo de goberno para comezar un novo ciclo ao fronte da administración provincial. Os dous partidos aseguraron que hai unha base sólida para seguir traballando polo benestar da cidadanía.

O PSOE e o BNG queren seguir traballando no modelo de Deputación que se iniciou hai 4 anos, e estas sinaturas son a demostración. Os socialistas e os nacionalistas chegaron esta mañá a un acordo para un goberno en coalición. Tanto David Regades como César Mosquera aseguraron que este pacto simboliza un novo ciclo ao fronte da administración provincial que é froito dos últimos 4 anos de boa xestión conxunta.

As tres liñas principais deste acordo son a eliminación da libre disposición, a concorrencia competitiva das axudas e subvencións e a autonomía e a corresponsabilidade dos Concellos.

En canto a distribución das diferentes áreas, os socialistas faranse cargo da cooperación cos concellos, da cultura, da cohesión social e xuventude, da igualdade, dos deportes, das infraestruturas, do turismo, do emprego e promoción económica, do réxime interior e facenda e da transición ecolóxica e medioambiente. Deste xeito, os nacionalistas seguirán mantendo a xestión do Museo de Pontevedra, dos residuos, da mobilidade alternativa e espazos públicos, da cooperación transfronteriza, do patrimonio histórico e etnográfico e da normalización lingüística. En canto o reparto dos deputados e as dedicacións, o único claro é que Carmela Silva seguirá sendo a presidenta da Deputación e César Mosquera, o vicepresidente.

Os socialistas e os nacionalistas están convencidos de que este acordo é a antesala do pacto que haberá na Xunta de Galicia o vindeiro ano. Nel está reflectido ademais, a súa intención de transferir o Centros do Príncipe Felipe, o Campamento da Lanzada, a Escola de Cantería, Mouriscade, o Areeiro e a Escola de Enfermería á administración autonómica. Algo que será, sen dúbida, un dos obxectivos principais deste novo goberno da Deputación de Pontevedra.