A estación intermodal estará dispoñible en 2020

PONTEVEDRA> A estación intermodal será unha realidade en 2020. Así o anunciou esta mañá a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade. Dende hoxe está aberto o prazo de licitación das obras de adecuación do complexo intermodal. Uns traballos que, unidos aos da rehabilitación da terminal de autobuses suporán un investimento de 6 millóns de euros.

Así é como está actualmente a Estación de Autobuses. E así é como quedará en 2020. A Xunta de Galicia anunciou esta mañá que a estación intermodal farase realidade no segundo semestre do ano que ven. O proxecto, que está dividido en dúas partes, a adecuación do complexo intermodal e a rehabilitación da terminal de autobuses, deu hoxe un paso máis: a apertura do prazo de licitación das obras de intermodalidade.

Estas obras que teñen un prazo de execución de 9 meses e contan cun orzamento de 3,4 millóns de euros súmanse ás de rehabilitación da estación que, segundo informou a conselleira de Infraestruturas, están a punto de adxudicarse. A intención da Xunta de Galicia é que a finais de ano, ambos traballos estean a pleno rendemento.

O obxectivo principal deste proxecto é conseguir unha intermodalidade entre a estación de autobuses e a de ferrocarril. Ademais, este proxecto axudará tamén a poñer en valor o río Gafos.

As dúas partes deste proxecto contarán cun investimento de máis de 6 millóns de euros. Deles, o 75% o poñerá a Xunta e o 25% o Concello de Pontevedra. O prazo para licitar os traballos de adecuación do complexo intermodal estará aberto ata o 30 de xullo.