O polígono industrial de Rianxo triplicou a súa ocupación nos últimos dous anos

RIANXO> A xerente de Solo Empresarial do Atlántico, Beatriz Sestayo, e o director xeral do SEPES, Lucrecio Fernández, realizaron unha visita ó Concello. Dende as dúas entidades informáronlle ó alcalde, Adolfo Muíños, que esta mesma semana autorizaranse dúas novas operacións no parque empresarial.

No Concello, a xerente de Solo Empresarial do Atlántico, Beatriz Sestayo, e o director xeral do SEPES, Lucrecio Fernández, foron recibidos polo alcalde, Adolfo Muíños, e a tenente de alcalde, Mari Carme Figueira.

O encontro serviu para informar das novas operacións previstas no parque empresarial de Té. En concreto afectan a dúas novas parcelas, que suman un total de máis de sete mil metros cadrados de superficie, por un importe global de máis de 400 mil euros e que serán autorizadas ó longo desta mesma semana.

Estas novas operacións súmanse á alcanzada este mesmo ano con Conservas Cerqueira, firma que adquiriu dúas parcelas máis no parque empresarial de Rianxo, de preto dos 12 mil metros cadrados de superficie por un importe de máis de 727 mil euros, que se suman ás xa adquiridas en 2020 que sumaban preto dos 25 mil metros cadrados, por unha cantidade de 1,5 millóns de euros.

Segundo explicou a propia xerente de SEA, Beatriz Sestayo, coas operacións conseguidas nos últimos dous anos a ocupación do polígono rianxeiro triplicouse, o que suporá un importante revulsivo para o emprego e a dinamización económica da zona.

O parque empresarial de Té conta cunha superficie total de 317mil metros cadrados, dos que a superficie neta se destinan máis de 200 mil. Na actualidade están ocupadas 35 das 50 parcelas dispoñibles.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí