Os xubilados da Casa do Mar levarán a súa situación á Valedora do Pobo

VILAGARCÍA> A situación dos xubilados da Casa do Mar de Vilagarcía chegará á Valedora do Pobo. Onte representantes dos usuarios mantiveron un encontro co alcalde da vila e coa concelleira de Persoas Maiores. Hai un ano que o club foi desaloxado destas instalacións, e a día de hoxe a Xunta aínda non deu ningunha solución á situación.

Xa se cumpre un ano dende que o club de xubilados de Vilagarcía quedou sen sé. A entidade foi desaloxada do espazo que ocupaban dende había anos na Casa do Mar co gallo da súa reforma. A pesares das súas protestas, a día de hoxe continúan sen unha alternativa.

Onte foron recibidos polo alcalde de Vilagarcía e pola concelleira de Persoas Maiores. Ata o de agora o colectivo non recibiu ningunha resposta da Xunta de Galicia, polo que levarán a problemática ata o Parlamento e a Valedora do Pobo.

Aínda que nun primeiro momento pediran un encontro coa conselleira de Asuntos Sociais, a reunión non chegou a celebrarase. No seu lugar, foron recibidos polo Director Xeral de Persoas Maiores, que asegurou que non se trataba dunha competencia autonómica.

Tralo encontro de onte, o concello de Vilagarcía comprometeulles o seu apoio.