RIBEIRA> O BNG de Ribeira volve a insistir na necesidade de levar adiante un plan de mantemento dos espazos públicos, nos que se inclúan os parques infantís e as áreas de lecer. Para os nacionalistas o estado destas zonas públicas é moi deficiente, de aí que reclame unha actuación con urxencia.
O BNG levará ó vindeiro pleno unha iniciativa a través da cal lle solicita ó equipo de goberno a elaboración dun plan de mantemento periódico dos parques infantís e áreas verdes, non só os existentes no casco urbano, senón tamén os de todalas parroquias. Non é algo novo, senón que os nacionalistas xa o teñen solicitado en anteriores ocasións, onservando o mal estado de conservación destes espazos e zonas públicas, obtendo sempre a calada por resposta por parte do goberno local.
Ademais destas melloras, os nacionalistas solicitaranlle tamén ó equipo de goberno a instalación de xogos inclusivos e adaptados para crianzas con mobilidade reducida, así como tamén a construción de parques cubertos, para poder facer uso deles en condicións metereolóxicas adversas.