BOIRO> No Barbanza, comarca que vive fundamentalmente do mar, celebrouse por todo o alto a festividade da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros. Unha das procesións marítimas con máis participación popular é, sen dúbida, a que se celebra tódolos anos na parroquia boirense de Cabo de Cruz.
Como é tradición, cada 16 de xullo, a maioría das vilas mariñeiras engalanáronse hoxe para tributarlle unha merecida homenaxe á Virxe do Carme, a súa patroa. Un dos lugares da Barbanza onde se vive esta data festiva con maior tradición é Cabo de Cruz. Os actos iniciábanse a media mañá, no recheo portuario, onde tiña lugar a multitudinaria misa solemne que se celebrou como é costume na lonxa. Unha vez rematada a cerimonia relixiosa, a imaxe da Virxe do Carme foi trasladada ata o peirao, seguida da comitiva de autoridades, tanto civís coma militares, así como do resto de veciños que non quixeron perderse a procesión polo mar. Dende o porto a imaxe ofrecía unha bela estampa, cunha ringleira de barcos e pequenas embarcacións totalmente engalanadas para a ocasión, con bandeiras e flores, xa que era o día no que se lle tributaba unha merecida homenaxe á súa patroa. E como é costume, no medio da Ría, lanzouse ó mar unha coroa de loureiro na memoria de tódolos mariñeiros falecidos.