Chega o Festival Internacional de Jazz e Blues, “a xoia do verán pontevedrés”

PONTEVEDRA> Pontevedra volverá a ser un referente da música grazas á celebración do Festival Internacional de Jazz e Blues. Por este evento pasarán artistas galegos como Mr River ou Gabriel Peso pero tamén outros estadounidenses como Joey DeFrancesco ou Judith Hill. Unha cita xa consolidada na cidade e que este ano celebra a súa 27ª edición.

“A xoia do verán pontevedrés”, así definiu esta mañá a concelleira de Festas, Carme da Silva, o Festival Internacional de Jazz e Blues. Un evento que volverá a vindeira semana á capital da provincia para encher cada recuncho da cidade de boa música.

A cita comezará o vindeiro martes. As dúas primeiras actuacións, de Mr. River e de Álvaro del Valle Quartet celebraranse na Praza do Teucro. Os seguintes días, ata o domingo, os concertos mudarán á Praza da Ferraría. Por alí pasarán artistas de fama internacional como Joey DeFrancesco Trío, Judith Hill, José James, ou Gabriel Peso Trío. Todos os concertos comezarán ás 22:30 horas e a entrada será de balde.

E aínda que os concertos son a base fundamental deste evento, non o son todo. No Festival haberá tamén jazz pola rúa cunha street band, un Pontejazz workshop, jazz de taberna e, por suposto, jazz sessions.

Os concertos, mesturados coas actividades formativas, achegarán o jazz e o blues a todos os pontevedreses e farán que a cidade baile, nesta 27ª edición, ao ritmo da mellor música.