Luisa Piñeiro volve á primeira liña política como ‘número 2’ de Luis López no PP provincial de Pontevedra

PONTEVEDRA> Luisa Piñeiro será a nova secretaria xeral do Partido Popular de Pontevedra. Quen fora alcaldesa de Moraña e delegada da Xunta en Pontevedra volve á primeira liña da política como número 2 do PP provincial, despois de ser absolta dos delitos de fraude e prevaricación polos que fora condenada. O seu é o primeiro nome que Luis López, que esta fin de semana será proclamado presidente da formación, fai público do seu equipo.

Luisa Piñeiro volve á primeira liña da política. Faino da man de Luis López, que hoxe anunciou que será a número 2 do Partido Popular da provincia de Pontevedra como a súa Secretaria Xeral.

Piñeiro foi alcaldesa de Moraña entre 2011 e 2020, cando foi nomeada delegada da Xunta en Pontevedra. Desempeñou o cargo durante cinco meses, ata que dimitiu tras ser condenada por prevaricación e fraude. Finalmente, hai dous meses coñecíase a decisión da xustiza de absolvela de ambos delitos.

O seu é o primeiro nome do seu equipo que López fai público. A súa é a única candidatura a presidir o Partido Popular provincial, polo que será proclamado como substituto de Alfonso Rueda esta fin de semana no congreso que a formación celebra en Vigo.

Tanto López como Piñeiro coincidiron á hora de sinalar as eleccións municipais do 2023 como o principal reto para o Partido Popular. Despois desta fin de semana comezarán a traballar para preparar á formación de cara a cita coas urnas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí