A Xunta comprométese a facer realidade o Gran Montecelo e resolver os problemas do Dragado do Lérez

PONTEVEDRA> O Presidente da Xunta de Galicia reuniuse esta mañá co alcalde de Pontevedra. Un encontro que solicitara Miguel Anxo Fernández Lores para intentar avanzar nas infraestruturas da cidade. Os dous temas principais nesta xuntanza foron o Gran Montecelo e o Dragado do Lérez. Dous proxectos moi importantes para os veciños da Boa Vila.

A Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra deron esta mañá un paso importante para mellorar as infraestruturas da cidade. A principal, o Gran Montecelo. Segundo informou Alberto Núñez Feijoo, neste novo hospital haberá novos servizos, como a radioterapia, a UCI pediátrica ou a medicina nuclear. Tamén intentarase dar maior confort aos usuarios e, por iso, o 60% das habitacións deste novo centro serán de uso individual.

Outro dos temas básicos desta reunión foi o Dragado do Lérez. Unha demanda histórica por parte da cidadanía. O presidente da Xunta de Galicia anunciou que os lodos e os áridos verteranse nun punto habilitado pola Administación Xeral do Estado.

Feijoo e Lores están de acordo en que non se pode colapsar a depuradora dos Praceres de augas pluviais. Por iso, a Xunta comprometeuse esta mañá a crear un emisario sumarino cun investimento de 10 millóns de euros.