Paisal, Caamaño e a Cofradía da Dorna recollen os Sereos de Barbantia

OUTES> A Casa da Cultura de Outes acolleu a entrega de premios da asociación cultural Barbantia. Os ‘sereos’ foron parar ás mans do músico Enrique Paisal, o escritor Manuel Caamaño e a Real e Ilustre confraría da Dorna.

A asociación cultural Barbantia celebrou o decimo quinto aniversario da entrega de premios Sereos da Cultura cunha gala na casa da cultura de Outes. O primeiro en recoller o galardón foi o músico ribeirense, Enrique Paisal, quen recibiu a distinción na categoría de Traxectoria Cultural no Barbanza. O músico palmeirán, cuxo nome leva o conservatorio municipal de Ribeira, conta cunha dilatada carreira musical. Entre algúns fitos importantes destaca a fundación do mítico grupo Los Tamara e diversas corais, entre elas a de Ribeira.

No que respecta á mellor iniciativa cultural na comarca, o xurado distinguiu á Real e iLustre Confraría da Dorna, non só pola súa labor de difusión desta emblemática festa senón tamén polo seu compromiso coa cultura mariñeira e as tradicións populares.

Finalmente o Sereo da Cultura Galega recaeu sobre o noiés Manuel Caamaño polo seu traballo de difusión da cultura galega transcendendo o ámbito comarcal, tanto á fronte da agrupación cultural O Facho que presidiu durante máis dunha década como membro do Padroado do museo do Pobo Galego.

Trala entrega de premios tivo lugar a presentación do Anuario de Estudos do Barbanza que acada xa a súa decimo sétima edición.