A APDR denuncia a combustión de 18.000 toneladas de aceite usado contaminante en Ence

PONTEVEDRA> A Asociación pola Defensa da Ría denunciou esta mañá as malas prácticas empresariais que se están levando a cabo na actualidade en Ence. Segundo este colectivo, a pasteira de Lourizán está utilizando aceite usado contaminante como combustible nos seus procesos de produción. En total, anualmente, a planta de celulosa podería estar queimando preto de 18.000 toneladas anuais.

A Asociación pola Defensa da Ría está convencida de que Ence queima 18.000 toneladas anuais de aceite usado. Un tipo de residuo prohibido pola Autorización Ambiental Integrada e que se podería estar utilizando como combustible nos procesos de produción da pasteira. Unha práctica que este colectivo tacha de fraudulenta e ilegal.

A investigación da Asociación Pola Defensa da Ría comezou tras o incendio rexistrado na fábrica de Lourizán a finais de 2018. Segundo as súas fontes, a orixe deste feito non foi o plástico, tal e como aseguraron os representantes da pasteira, senón que foi o propio aceite. Tras este suceso, este colectivo contactou con todas as empresas xestoras de aceite  usado e concluíron que este residuo provén de diferentes puntos de España, de Portugal e, incluso de Mozambique. Un feito que, de ser certo, tería consecuencias directas no medio ambiente.

Ademais do compoñente medio ambiental, está tamén o económico. Segundo a Asociación pola Defensa da Ría, usando este aceite ENCE consegue un aforro anual de 3,5 millóns de euros. Por iso, dende o colectivo piden ao Concello de Pontevedra, aos parlamentos galego, español e europeo, e a Fiscalía que investiguen esta situación.

En canto as repercusións que este feito podería traer á pasteira, Antón Masa está convencido de que isto ten que servir para que o Estado español declare a ilegalidade da prórroga e para que a Xunta de Galicia anule á Autorización Ambiental Integrada.

Cabe lembrar que en España a normativa permite a comercialización deste aceite usado pero prohibe que este poida ser utilizado por fábricas como Ence, xa que esta pasteira só pode utilizar a biomasa como combustible. Dende a fábrica negan rotundamente que estean a imcumprir a súa Autorización Ambiental Integrada e que estean a usar dito aceite. Ademais, a empresa advirte que emprenderá as medidas legais oportunas na súa defensa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí