O executivo rianxeiro contará con dúas dedicacións exclusivas e tres parciais

RIANXO> A corporación municipal rianxeira celebrou onte pola noite o pleno de organización. A proposta de organización do goberno municipal formado por nacionalistas e socialistas supón un incremento nos custes  duns 45 mil euros aproximadamente con respecto ó anterior mandato. Haberá dúas dedicacións exclusivas para o alcalde e a tenente de alcalde, e tres parciais.

BNG e Partido Socialista sacaron adiante a súa proposta de organización. As dúas formacións configurarán un goberno de coalición, o que lles permitirá unha estabilidade para poder gobernar e sacar adiante os seus proxectos de goberno, ó contra con dez dos dezasete edís cos que conta a corporación. en canto ás dedicación haberá dúas exclusivas, para o alcalde, Adolfo Muíños, que percibirá uns 45 mil euros brutos ó ano, cunha suba duns catro mil euros respecto ó anterior mandato, e outra para a tenente de alcalde, Mari Carmen Figueira, que cobrará uns 39 mil euros. Aa maiores haberá tres dedicacións parciais para Adelina Ces, Xusto Ordóñez e Hadriana Ordóñez, que se repartirán entre os tres uns 39 mil euros. A oposición mostrou o seu rexeitamento a este punto, ó consideralo excesivo. Dende o equipo de goberno inistiron en que están lonxe das cinco dedicacións exclusivas e as dúas eventuais ás que poderían acollerse en base á lei, como si fan noutos concellos veciños. Tamén se aprobou a peridodicidade dos plenos, que seguirá a ser mensual. En canto á distribución das áreas, o alcalde, Adolfo Muíños, xestionará Obras, Servizos, Benestar Animal, Seguridade, Plan de Igualdade e Novas Tecnoloxías. Os nacionalistas asumen tamén Educación e Normalización que dirixirá Adelina Ces; Deportes Xusto Ordóñez; Benestar Social, Diversidade e Igualdade Hadriana Ordóñez; Facenda e Economía e Participación Social Tobías Betanzos e Cultura, Museos e Mocidade, Festas e Centros Socioculturais Raquel García. Pola súa banda o PSOE levará Urbanismo e ARI, Desenvolvemento Local, Comercio e Emprego con Carme Figueira; Medio Ambiente, Mar e Medio Rural María José Tembra e Turismo e Patrimonio Francisco Javier García.