PONTEVEDRA> A Plataforma do Centro de Saúde de Seixo e Marín presentou hoxe a súa particular carta aos Reis Magos. Ante o Hospital Provincial, os veciños fixeron públicas as súas reclamacións á xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Entre outras cuestión, demandan a contratación de máis persoal médico para reducir as listaxes de agarda e melloras na sanidade pública.
A Plataforma do Centro de Saúde de Seixo e Marín presentou a súa particular carta aos Reis Magos reclamando melloras na atención sanitaria. Esta mañá os veciños concentráronse ante o Hospital Provincial onde rexistraron un escrito coas súas demandas dirixido ao xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Na misiva, a plataforma reclama a contratación de máis profesionais para reducir estas listas de agarda. E apuntan que os reforzos realizados en Marín ata o de agora son insuficientes.
Outra das súas demandas pasa por rematar coa derivación sistemática de pacientes á sanidade privada. Así, acusan á Xunta de engordar estes centros en detrimento do sistema público.
Ademais, alertaron dos plans que o goberno autonómico ten para o Gran Montecelo. Lamentando, por exemplo, que o aparcadoiro proxectado para o centro sexa de pago.
Por todo isto, a plataforma xa advirte que non vai baixar a garda neste 2026. Manterán as mobilizacións, comezando coa convocada para o vindeiro 1 de febreiro: unha gran manifestación en Santiago de Compostela con todas as plataformas galegas, impulsada dende SOS Sanidade Pública.











