A CIG presenta unha denuncia penal contra a empresa Grupo Ferrín

RIBEIRA>  Dende o sindicato aluden a acumulación de infraccións na orde laboral que presenta esta firma radicada en Ribeira. Din presentar esta denuncia pola falla de resposta por parte das autoridades laborais e xudiciais, así como tamén pola propia Xunta, que non toman medidas contra unha situación tan grave e de incumprimento reiterado dos dereitos laborais dos traballadores.

Como din, estes son só algúns dos exemplos da situación que deben padecer a diario os traballadores do grupo Ferrín. Xornadas laborais interminables, represión sindical, a modificación arbitraria das súas horas e quendas de traballo e un longo etcétera. Toda unha serie de vulneracións dos dereitos laborais dos empregados, que a pesar de ser denunciados tanto en Inspección de Traballo como tamén no Xulgado do Social, incluso con sentenzas en contra, a empresa segue a incumprir. Por esta razón, a CIG decidiu iniciar unha campaña para conseguir o respecto das liberdades sindicais e dos dereitos laborais dos traballadores, na que se inclúe a presentación dunha denuncia por vía penal contra a firma radicada en Ribeira.

Dende o sindicato emprazan tamén á Xunta a que actúe e tome as medidas oportunas contra esta empresa, que dispón de varias concesións de liñas de transporte públicas coa Administración Autonómica.