Indignación na xerencia do cámping Ría de Arosa 2 pola acumulación de cartón

RIBEIRA> Dende hai practicamente un mes a firma Coregal, que se encarga da recollida dos cartóns, non pasa polas  instalacións do cámping situadas na parroquia ribeirense de Oleiros. Os cartóns acumúlanse nos contedores, dando unha imaxe negativa para o camping.

Xa non saben o que facer. Dende hai un mes os cartóns acumúlanse nos contedores existentes nas instalacións do camping. A pesar de solicitarllo en máis dunha ocasión, a empresa Coregal, que se encargaba da súa recollida, non aparece, dando infinidade de desculpas para non facelo.

Ante a negativa por resposta, dende a dirección do cámping xa buscaron unha solución. Puxéronse en contacto co concello de Ribeira e a empresa que se encarga da xestión do lixo no municipio pasará nos próximos días a recollelos.

Para o responsable do cámping a situación está  a danar a imaxe do establecemento, o único destas características que ten a Q de Calidade Turística en toda Galicia.