A primeira fase da ampliación do Rosalía do Castro do Grove comezará a finais deste ano

O GROVE> A Xunta licitará no mes de xuño a primeira fase da ampliación do colexio Rosalía de Castro do Grove. O proxecto inclúe a creación dun novo volume para acoller o comedor e un ximnasio. A previsión de Educación é que os traballos comecen xa a final deste ano. A reforma completa deste centro suporá un investimento total por parte do goberno galego de 2,6 millóns de euros.

Se todo vai segundo previsto a ampliación do CEIP Rosalía de Castro do Grove arrancará a finais deste ano. Esta mañá visitaba o colexio o Conselleiro de Educación. Román Rodríguez avanzou que a intención do executivo galego é sacar a licitación a primeira fase deste proxecto no mes de xuño. Esa primeira parte da actuación suporá un investimento de 1,7 millóns de euros.

En concreto, nese espazo construirase un comedor de 100 metros cadrados, un novo ximnasio e zonas de almacenaxe. Cun prazo de execución de 12 meses, o conselleiro indica que en canto estea rematada, activarase a segunda fase do proxecto. Sumando ambas, o proxecto ascende a 2,6 millóns de euros.

Ao mesmo tempo, Román Rodríguez aproveitou para repasar outras melloras feitas en centros educativos do Grove. Melloras, dixo, que en conxunto superan os 3,4 millóns de euros.