Nova edición da feira do ‘Comercio na Rúa’ na Pobra do Caramiñal

POBRA> A Pobra do Caramiñal acollerá esta fin de semana unha nova edición da feira do ‘Comercio na Rúa’. A iniciativa, que promove o Centro Comercial Aberto O Deán en colaboración co Concello, desenvolverase na Praza do Emigrante dende hoxe ata o domingo.

Por oitavo ano consecutivo o Centro Comercial Aberto O Deán e o Concello volven a organizar a Feira do Comercio. Será esta fin de semana, dende hoxe venres ata o domingo, na Praza do Emigrante. Os comercios sacarán á rúa as súas tendas para ofrecer os seus productos ós potenciais clientes que se acheguen ata a praza. Non será un outlet ó uso, co fin de eliminar estocaxe, senón que os establecementos levarán mercadoría actual, que ofrecerán a uns prezos moi competitivos.

Dende o Concello destacaron a importancia desta iniciativa, que busca darlle un pulo a este sector que non pasa polo seu mellor momento, pero que é vital para o desenvolvemento económico do municipio.

A feira estará aberta ininterrompidamente dende as once da mañá ata as doce da noite. Durante os tres días de feira haberá tamén actividades paralelas para complementar a esta actividade comercial.