A Carballeira de Ribadumia agarda a máis de mil persoas para a Festa do Pan

RIBADUMIA> Un alimento de consumo habitual como é o pan converterase na estrela da festa gastronómica que o concello de Ribadumia dedica a este produto. Empanadas, roscas, bicas e máis de 50 tipos de pan completan a oferta deste evento. O concello agarda a asistencia de máis de mil persoas o sábado 10 de agosto na Carballeira da vila.

O vindeiro 10 de agosto o concello de Ribadumia celebrará a décimo oitava edición da Festa do Pan. Unha festa gastronómica que a súa vez convértese nun produto turístico para Ribadumia. A localidade prepara a Carballeira para asistencia de máis de mil persoas.

Os alimentos estrelas da festa serán os máis de 50 tipos de pan, empanadas, roscas , bicas e moitos máis produtos derivados da fariña.

A oferta gastronómica amplíase con postos de polbo, sobremesas,  ovos fritos e viño, todo a prezos populares.

A festa complétase con actividades como concursos, animacións infantís, a representación da moenda do millo do país e verbena a cargo do Dúo Marema. A imaxe da festa foi creada de novo polo artista “Noya”.