Xuntos conmemora o Día Mundial da Síndrome de Down reivindicando máis inclusión social e laboral

PONTEVEDRA> Hoxe conmemórase o Día Mundial da Síndrome de Down. E en Pontevedra déuselle visibilidade pendurando unha pancarta dende o balcón da Casa da Luz. No acto, ademais de representantes da corporación municipal, participaron directivos e usuarios da asociación Down Pontevedra Xuntos. Aproveitan esta xornada para reivindicar a inclusión social das persoas con esta trastorno e para poñer o foco sobre os retos que presenta o seu envellecemento, cunha esperanza de vida cada vez maior.

Despregando unha pancarta no balcón da Casa da Luz, Pontevedra deu hoxe visibilidade ao Día Mundial da Síndrome de Down.

Estiveron representantes da corporación municipal e tamén membros da asociación Down Pontevedra Xuntos. Unha entidade que traballa a prol da inclusión laboral e social das persoas con este trastorno.

Dende o colectivo recoñecen que un dos retos que se lles presenta na actualidade é abordar o envellecemento das persoas con síndrome de Down. Actualmente, o aumento da esperanza de vida fai que se sitúe nos 65 anos, abrindo novas necesidades.

Xuntos explica que dende hai 10 anos traballan nun proxecto que aborda o envellecemento das persoas con este trastorno. Iniciativa que recentemente foi premiada pola Deputación de Pontevedra.

O Día Mundial da Síndrome de Down tivo eco en diferentes cidades e vilas galegas, co despregue de pancartas e co alumeado de monumentos coas cores amarela e azul. Pero o acto central de Galicia celebrouse na Coruña.