Catoira enche de novidades a programación da 64ª Romaría Vikinga

CATOIRA> Catoira prepárase para a súa Romaría Vikinga. Unha cita que ademais este 2024 chega con moitas novidades. Nesta edición, o centro da vila encherase de actividades, con tres días de concertos, e coa estrea dunha feira medieval con postos de artesanía. Ademais, a romaría prolongarase ata o luns cun novo desembarco vikingo, desta volta especialmente organizado para a cativada. A multitudinaria festa celebrarase do sábado 27 de xullo ao 5 de agosto.

Neste 2024, a Romaría Vikinga de Catoira cumpre a súa edición número 64. Celebrarase do 27 de xullo ao 5 de agosto e chega con varias novidades na súa programación.

Unha delas é o VikingMusic, nome que engloba os concertos que se celebrarán entre o venres 2 e o domingo 4 de agosto. Dous deles serán no núcleo urbano de Catoira, en concreto na Avenida da Ponte. En anteriores edicións, as actuacións celebrábanse na Alameda do Peirao, na contorna da zona do desembarco.

Outras das novidades son a estrea dunha feira medieval con postos de artesanía e a organización dun desembarco pensado para a cativada de ata 12 anos. Será o 5 de agosto, festivo local.

O pregón lerase o venres 2 ás 8 e media da tarde e o sábado 3 ás dúas do mediodía celebrarase o Xantar Vikingo no espazo das Torres. O día forte, como non podería ser doutro xeito, será o do desembarco. Celebrarase o 4 de agosto á 1.

Ademais, está prevista a celebración de novos eventos deportivos, exposicións e outras iniciativas culturais.