Jesús Rodríguez, o mellor “observador” de Pontevedra

PONTEVEDRA> Comeza a conta atrás para un dos eventos máis tradicionais do verán pontevedrés. Este sábado celébrase a 48ª edición dos premios Amigos de Pontevedra. Un evento no que se homenaxeará a 6 persoas e a 1 colectivo pola súa contribución á cidade. Entre eles está o cronista deportivo, Jesús Rodríguez.

A cidade do Lérez cambiou moito dende que el escribía nas páxinas do Diario de Pontevedra pero seguro que a maioría recordan algunha das súas crónicas deportivas. Con 20 anos, Jesús Rodríguez entrou a traballar  no Diario como corrector de imprenta pero a  súa gran curiosidade o fixo avanzar un paso máis. Pronto comezou a escribir as súas primeiras crónicas deportivas. Unha etapa que agora recorda con moita nostalxia.

Durante máis de 40 anos, el foi unha das referencias da sección deportiva do Diario de Pontevedra. Unha sección na que sempre firmaba baixo o alias de o “Observador”.

A súa vida sempre estivo vinculada ao deporte, pero se algo non puido facer Jesús foi ocultar a súa paixón polo Pontevedra e, sobre todo, polo Teucro.

Con 78 anos e tras unha vida dedicada ao deporte e a cidade que o veu nacer, Jesús Rodríguez non pode ocultar a súa felicidade ao recibir o premio Amigos de Pontevedra.

Un recoñecemento a súa traxectoria profesional e un agradecemento a todo o traballo realizado durante tantos anos. Porque sen dúbida, Jesús Rodríguez, a través das súas crónicas deportivas conseguiu escribir parte da historia da cidade de Pontevedra.