MEIS> A Armenteira ten por diante catro días de boa música. Dende este xoves, a localidade meisina encherase de talento grazas á cuarta edición do seu Festival de Jazz. A meirande parte dos concertos terán lugar na contorna do mosteiro, aínda que desta volta, a organización apostou por incorporar un formato un tanto diferente: algunhas das actuacións terán lugar dentro dos establecementos hostaleiros da zona.
En canto ó cartel, son varios os artistas galegos que se darán cita en Meis. Canda eles, músicos de gran proxección, chegados de lugares como Cataluña ou Cuba.
O festival é unha boa mostra das necesarias sinerxías entre colectivos, establecementos e veciños da zona. Dende a organización fan un chamamento á implicación de todas as partes para que o festival repita o éxito das pasadas edicións. Para a alcaldesa da localidade, o festival consegue poñer a Meis no mapa.
Todos os concertos do festival serán de balde.