PONTEVEDRA> A asociación Difusión Felina está atravesando o seu peor momento. Unha débeda de 3.000 euros podería obrigala, nos vindeiros meses, a pechar as súas portas. A organización conta actualmente con máis de 50 gatos en casas de acollida e pide a colaboración cidadá para poder seguir axudando aos felinos da cidade.
Con máis de 50 gatos en casas de acollida e cos recursos económicos limitados, o futuro de Difusión Felina é incerto. Actualmente, a asociación ten unha débeda de máis de 3.000 euros en veterinarios. O que podería levarlles, nos vindeiros meses, a deixar de rescatar e axudar a máis felinos.
Difusión Felina leva activa dende o ano 2013 e, dende entón, sobreviviu grazas ás doazóns de particulares. Por iso, sen subvencións e sen axudas por parte de empresas privadas, a asociación pide a colaboración da cidadanía.
Ademais das doazóns de particulares, a protectora de animais recalca a importancia de adoptar para que eles poidan seguir axudando a outros felinos que o necesitan. Dos máis de 50 gatos que teñen actualmente en casas de acollida, Fiuncha é un dos casos máis complexos.
Quen queira colaborar con esta asociación para que eles poidan seguir salvando vidas, pode informarse na súa páxina de Facebook. Calquera axuda será benvida.