Dous novos positivos na gardería de Ribeira e no Santa Baia de Boiro elevan a seis os casos de COVID nas escolas do Barbanza

BARBANZA> Por segundo día consecutivo caen os casos activos de covid na área sanitaria Santiago-Barbanza. Hoxe o número de positivos sitúase nos 578, trinta menos ca onte. Pola contra aumentan o número de ingresos. Pasamos dos trinta ós trinta e tres, dos cales cinco permanecen ingresados na unidade de críticos.

O número de pacientes curados ascende a 2.945. 65 máis nas últimas vinte e catro horas. Aumentan tamén as PCR practicadas. Dende o inicio da pandemia lévanse realizado unhas 69.453 probas, 768 na última xornada.

En canto ós colexios e escolas infantís da comarca a situación si variou con respecto a onte con dous novos casos. Un na gardería municipal de Ribeira, que obrigou ó peche dunha aula, con trece nenos en corentena; e tamén no colexio de Santa Baia en Boiro co positivo dun neno.

Neste caso non obrigou ó peche de ningunha aula. Estes dous novos casos súmanse ós xa coñecidos dos centros da Galiña Azul de Rianxo e Praia Xardín e tamén ós dous positivos do CEIP Castelao de Rianxo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí